Moi boa tarde, compartímosvos aquí unha serie de actividades e xogos para traballar a motricidade fina, o que vai fortalecer os músculos das mans e dos pulsos e axudará a mellorar habilidades como a escritura.
Estas propostas que recollemos teñen numerosas variacións e adaptacións que podedes facer en función da idade dos rapaces e rapazas, dos seus intereses ou dos recursos que teñades na casa.
Aí van as nosas propostas:
- Recortar con tesoiras calquera material (por exemplo liñas debuxadas nun papel, cartón ou palliñas).
- Facer figuras con limpapipas.
- Xogar coa plastilina (amasala, estirala, enroscala, etc.) e facer figuras con ela.
- Colocar gomas en tubos (do pelo ou de plástico).
- Sacar o gran da espiga de millo.
- Xogar coas pinzas de tender a roupa (e axudarlle a papá e a mamá a tendela😉). Podemos ademais pintalas e clasificalas por cores ou colocar o número de pinzas que nos indiquen.
- Crear un xeoplano con chinchetas e practicar as figuras xeométricas que se coñezan.
- Inserir palillos ou bastóns dos oídos en ocos (por exemplo dun bote de especias).
- Traspasar con pinzas (de cociña ou de depilar) diferentes obxectos dun recipiente a outro. Poden ser por exemplo canicas, pompóns, bloques, moedas, alimentos, etc.
|
(Neste xogo que vos propoñemos hai que debuxar un vaso con círculos de diferentes cores que corresponden aos pompóns que despois haberá que colocar en cada vaso de plástico) |
- Enroscar torcas en parafusos.
- Meter limpapipas, espaguetes, lápices, etc. polos buratos dun coador ou dun recipiente con ocos.
- Introducir fíos ou cordóns polos buratos dun debuxo.
- Traspasar a auga dun cazo a outro a través de esponxas.
- Enroscar e desenroscar tapóns de botellas.
- Facer pulseiras ou colares con macarróns.